As volutas do cadaleito, de Jack Spicer
Pasear polas rúas canda un home morto ou manter con el unha conversa tomando un café nun restaurante sería dunha excentricidade sen…
As volutas do cadaleito, de Jack Spicer

“Untitled” (It’s Just a Matter of Time), (Félix González-Torres, 1992)
Pasear polas rúas canda un home morto ou manter con el unha conversa tomando un café nun restaurante sería dunha excentricidade sen remedio. Recibir en privado a visita dun cadáver, ocuparse del na intimidade do cuarto propio ou na angosta e máis aterradora intimidade dun relato breve, esa é unha excentricidade máis fácil de perdoar.
Un relato breve é mais estreito ca un cuarto dun hotel barato, máis estreito ca os úteros dos que saímos. É violento meter aí un morto graúdo. Para que caiba (sequera o seu corpo) no cadaleito duns poucos parágrafos, hai que retorcelo e deformalo, hai que cortarlle ou partirlle eses brazos ríxidos que ten, as pernas estendidas. Opera no recordo un rigor mortis, cada centímetro da súa imaxe ponse irto e opón resistencia. Haino que mutilar para que caiba dentro.
E logo, unha vez que se logra o obxectivo e o suorento autor xa deu pechado o seu cadaleito de parágrafos, martelando nel cunha furia perfecta para que o corpo non bote por fóra, logo que? Ten un cadaleito, unha caixa pequena e ordinaria cun cadáver aí metido, e pode vendela no mercado onde se venden esas caixas: resultou máis seguro, menos excéntrico e ben máis rendible que pasear polas rúas canda un home morto.
Os clientes teñen algunhas queixas, así e todo. Os cadaleitos sempre son todos iguais. Son marróns ou grises ou morados (case nunca negros); os clientes quéixanse de que non gardan moito parecido coa xente.
Os clientes levan razón. O exterior do cadaleito compóñeno sobre todo o escritor, as súas descricións, os seus sentimentos, fantasías, remorsos… iso pouco ou nada ten que ver co cadáver de dentro. Apenas unhas poucas palabras pronunciadas. Pero son esas palabras, e só elas, as que lle dan unha terceira dimensión á historia, e amosan que dentro do cadaleito hai espazo. É por iso que cando leo un relato breve salto os parágrafos expositivos e concéntrome nos diálogos. (Esas son as volutas do cadaleito).
«Cando leo un relato breve», dixo Ken, erguendo a vista do seu café, «salto os parágrafos expositivos e concéntrome nos diálogos». Fixo unha pequena pausa. «Esas son as volutas do cadaleito», engadiu entre parénteses.
O morto, por suposto, é Ken. O cadaleito que martelo é o seu. Claro está que hai algo alucinatorio no feito de martelar cadaleitos. Cada vez que cravo un cravo no exterior do cadaleito, oio que alguén, desde dentro, crava outro cravo. É o malo deste negocio funerario: faise complicado saber quen está dentro e quen está fóra, se é que os vivos enterran os mortos ou se os mortos enterran os vivos.
«Os mortos enterran os vivos», dixo Ken. Botou con firmeza o abrigo por riba dos ombreiros e camiñou uns poucos metros por diante de min. «Os mortos nunca volven xunta os vivos; son os vivos quen volven xunta os mortos. A xente busca os fantasmas que atopa». Camiñou un cacho en silencio diante de min e logo detívose. Apoiouse nunha caixa pesada e miroume cun aceno como de mágoa. «Creo que estou enfermando», dixo.
Creo que estou enfermando.
_
Do libro my vocabulary did this to me (2008), poesía reunida de Jack Spicer editada por Peter Gizzi e Kevin Killian. Tradución ao galego de Jesús Castro Yáñez.
메타데이터
- post_id
- 6befbc71c76d
- slug
- as-volutas-do-cadaleito-de-jack-spicer-6befbc71c76d
- url
- https://medium.com/@jesus-cy/as-volutas-do-cadaleito-de-jack-spicer-6befbc71c76d
- canonical_url
- https://medium.com/@jesus-cy/as-volutas-do-cadaleito-de-jack-spicer-6befbc71c76d
- author_url
- https://medium.com/@jesus-cy
- status
- ok
- fetched_at
- 2026-07-17 07:50:55