Afogado en cemento
Hai aquí preto unha igrexa do século XIV á que, nos anos 50, lle taparon o campanario cunha estrutura de cemento. Hai quen sostén que se…
Afogado en cemento
Hai aquí preto unha igrexa do século XIV á que, nos anos 50, lle taparon o campanario cunha estrutura de cemento. Gardaba certo parecido co orixinal, pero nunca quedou claro por que se decidiu cubrir parte do campanario e modificar o tellado. Hai quen sostén que se fixo para borrar unha simboloxía que non gustaba naquela época. Outros din que emparedaron un home.
En 2026, por fin, acordouse retirar ese engadido e descubrir o que había detrás. E foi entón cando estourou unha polémica inesperada.
Parte da veciñanza opoñíase á restauración. Non todos, pero si os suficientes como para facer ruído. Alegaban que sempre coñeceran a igrexa así, co campanario de cemento, e que esa imaxe formaba parte da súa identidade. “Foi así toda a vida”, repetían.
Pero que significa realmente “toda a vida”? Os máis vellos apenas conservaban un recordo difuso do aspecto orixinal. Co paso dos anos, afixéranse á versión alterada. “Si, case toda a vida foi así”, acababan matizando, máis por inercia que por convicción.
As autoridades impulsaron a restauración apoiándose en criterios patrimoniais. Explicaron que baixo o cemento se conservaban elementos de gran valor histórico e arquitectónico, e que retiralo permitiría recuperar a igrexa tal e como fora concibida. O templo que durante séculos empregaran os devanceiros da propia comunidade.
O argumento era sólido: tratábase dunha cuestión de respecto polo patrimonio e de xustiza coa historia.
E, pouco a pouco, parte da veciñanza —non toda— foi entendéndoo. Aceptaron mirar máis alá do costume e permitir que saíse á luz o que levaba décadas agochado baixo o cemento. Así, por primeira vez en séculos, a igrexa puido recuperar a súa forma orixinal.
Esta igrexa e ese campanario de cemento non existen (e, seguramente, mellor así).
O que si existe son milleiros de topónimos deturpados que, coma ese cemento, levan convivindo con nós “toda a vida”.
Os topónimos son patrimonio inmaterial do mesmo xeito que as igrexas ou os cruceiros forman parte do patrimonio material. E, como tal, deben ser preservados e restaurados cando cómpre.
Por que custa tanto entendelo? Por que facemos pesar máis o noso costume, a nosa ollada monolítica do presente?
Do mesmo xeito que non cuestionariamos o criterio de arquitectos ou historiadores da arte na restauración desa igrexa, tampouco deberiamos poñer en dúbida o traballo das persoas expertas en lingua cando se trata de recuperar os nosos topónimos.
Desconfiade de quen prende a semente da discordia nestes temas de respecto co noso pobo. Pobo tamén é quen nos precedeu, non o esquezamos.
Esa xente, a da discordia, adoita agochar intereses partidistas, nin se quera políticos. Pouco lle importa a toponimia, a historia e a xustiza. Coidemos de nós coidando do noso.
메타데이터
- post_id
- cf17b50719fb
- slug
- afogado-en-cemento-cf17b50719fb
- url
- https://medium.com/@depousinho/afogado-en-cemento-cf17b50719fb
- canonical_url
- https://medium.com/@depousinho/afogado-en-cemento-cf17b50719fb
- author_url
- https://medium.com/@depousinho
- status
- ok
- fetched_at
- 2026-07-11 13:37:47