Vetos
Vetos

Breve columna aparecida orixinalmente en Nós Diario o 23/06/2023
Non é casualidade que Arnaldo Otegi rememorase a situación política italiana dos 70 do século XX e equiparase a marxinación dun PCI que rachara con Moscova –mais ligárano inxustamente ao “terrorismo brigadista”– co “veto” que actualmente impediu gobernos abertzales nalgunhas institucións mediante pactos contra-natura PP-PSE-PNV. Fai referencia á etapa de Enrico Berlinguer e Aldo Moro, resultante da *liberazione e do desenvolvemento –monitoreado polos EUA– da Constitución antifascista de 1948. Todo aquel contexto que finalmente pariu –[Tangentopoli](https://es.wikipedia.org/wiki/Manos_Limpias_(Italia)) mediante– o degradante e fascistizante fenómeno do berlusconismo* e das súas derivadas redivivas foi, ademais, parello ao proceso de deseño da “Transición española”: hai na aguda reflexión lectura histórica do presente, e non só polo que atinxe de maneira directa á coalición EH Bildu. O “veto” como arma de inhabilitación para a representación política.
O contexto de “réxime de guerra” dispón certas regras, condicións e atmosfera xeral coincidentes coa fin dun ciclo no conxunto do estado e cun “abrollar de época” nunha UE máis intervida ca nunca nos últimos tempos; ten o seu correlato tamén naquel segmento ideolóxico organizado que argamasara arredor da emerxente “nova esquerda española” na década pasada. A configuración das listas electorais en Sumar semella desdeñar actores procedentes da etapa que abrira o 15-M e premia figuras doutro perfil: máis profesionalizadas, próximas ao PSOE ou o europarlamentario “verde” Ernest Urtasun, que pasan a conformalas. O SX do PCE: candidato cunero. Non destacan tampouco por manifestar lecturas próximas ás teses multilateralistas e neutrais defendidas por Lula da Silva ou Jeremy Corbyn no plano internacional, abertamente contrarias ao envío de máis armas ao destrutivo e potencialmente catastrófico conflito no leste. Poida que Joan E. Garcés garde folgos para escribir un segundo volume do magnífico *Soberanos e intervenidos* e contarnos, documentadamente, aquilo que Otegi apunta sibilinamente.
메타데이터
- post_id
- ff3ff5c0f2a1
- slug
- vetos-ff3ff5c0f2a1
- url
- https://medium.com/@millanfernandez/vetos-ff3ff5c0f2a1
- canonical_url
- https://medium.com/@millanfernandez/vetos-ff3ff5c0f2a1
- author_url
- https://medium.com/@millanfernandez
- status
- ok
- fetched_at
- 2026-07-25 14:52:35